24 feb 2010

12. O REXURDIMENTO


O Rexurdimento da nosa cultura, na segunda metade do século XIX, é un feito fundamental da historia de Galicia, sen o cal non se podería explicar a realidade do noso país na actualidade. Estamos, polo tanto, ante un dos momentos culminantes da cultura galega. O Rexurdimento vaise expresar fundamentalmente no eido literario, a través das grandes figuras da nosa lingua no XIX. Serían Curros Enríquez, Eduardo Pondal e, sobre todo, a gran Rosalía de Castro, os que provocaron o renacer da cultura galega do xeito máis brillante que cabería imaxinar.

Ademais, o Rexurdimento hai que incardinalo nun movemento de posta en valor de Galicia e do galego que vai moito máis alá, e abrangue moitos aspectos da vida pública e da cultura. Na historiografía traballan os primeiros historiadores modernos de Galicia, destacando as figuras de Vicetto e de Murguía. Na música tamén estamos ante unha recuperación e valoración da tradición galega, con figuras como Pascual Veiga, por exemplo. Nas artes plásticas esta visión galega vaise propoñer a través da representación dos elementos tradicionais e da paisaxe, coas obras de artistas como Dionisio Fierros ou Isidoro Brocos. Toda esta grande actividade cultural vai ir acompañada dunha reivindicación política dos dereitos históricos de Galicia, a través da xeración de políticos rexionalistas e dunha fervente actividade que se reflectirá nas diferentes publicacións que ven a luz no noso territorio. Nace así un vizoso xornalismo galego que nos deixará un gran número de publicacións periódicas

OS PRECURSORES E AS PRIMEIRAS REIVINDICACIÓNS.

 En 1885 Manuel Murguía publica o primeiro título do que se convertería na colección Biblioteca Gallega, editala polo xornal La Voz de Galicia. Este libro titulouno  Los Precursores e está dedicado á figura dos provincialistas que se viron envoltos na revolta de 1846. Lembremos que algúns destes homes acabaron fusilados en Carral. As xeracións posteriores sempre reivindicaron a súa figura de precursores na reivindicación de Galicia. Porén, conformaron un grupo cativo, pouco organizado, e sen uns obxectivos moi claros e ambiciosos. A súa figura máis destacada foi Antolín Faraldo, ao que lle perdemos a pista despois do fracaso da asonada do ano 46. Deles destacamos ser os que inician a tradición da publicación periódica como órgano de expresión do galeguismo, ben sexa cunha faciana máis cultural ou máis política. Como exemplo disto temos nas nosas hemerotecas os exemplares de El iris del bello sexo, El iris de Galicia, El  porvenir e El recreo Compostelano. Estas publicacións estaban escritas maioritariamente en castelán, mais nelas podemos albiscar o espírito de rebeldía que anunciaba un novo tempo para as nosas letras:

«La literatura gallega jamás puede alcanzar verdadera i legítima originalidad si no se emancipa de las escuelas i hace pedazos el cetro de los maestros, proclamando la independencia del escritor»[1]

En 1853 aparece publicado o primeiro libro en galego en séculos. Trátase de A gaita gallega,de Xoán Manuel Pintos. O libro sae a luz en Pontevedra, e nel o autor fai unha reivindicación fundamental da lingua galega como elemento cultural e símbolo de Galicia. Esta obra dá inicio a xeración do Rexurdimento, na que o uso do galego sempre terá un compoñente reivindicativo da nosa cultura fronte a negación e o menosprezo que se fixera dela durante séculos. De feito, a obra é un compendio de diferentes pezas que teñen como obxectivo instruír aos lectores no coñecemento das formas do galego. O título da obra é un bo exemplo da vontade didáctica de Pintos: A gaita gallega tocada polo gaiteiro, ou sea carta de Cristus para ir deprendendo a ler, escribir e falar ben a lengua gallega, e aínda máis. A estrutura da obra é un diálogo entre o gaiteiro, o propio Pintos, e un tal Pedro Luces, de fora de Galicia e que se dirixe en galego. O tema é a falta de aprecio desde Galicia á lingua galega. O obxectivo da súa obra era poñer en valor o galego, reivindicando a súa condición de lingua histórica e culta, e denunciar o autodesprezo cara a nosa lingua. Un exemplo da mentalidade que está a denunciar témola neste poema Ouh Galicia, Galicia boi de palla:

«Ou Galícia, Galícia boi de palla,
canta lástima ten de ti o Gaiteiro!
O aguillón que che meten é de aceiro
e con el muita forza te asoballa.

No lombo teu zorrega, bate e malla
fasta o máis monicreque ferrancheiro,
e calesquer podenco forasteiro
te bafa de vergonza sin migalla!

Agarima alleeira eses ingratos
ou víboras que postas ó teu peito
co ferrete che rompen mil buratos!

Si o sangue teu refugas do teu leito
malas novas madrastra de insensatos,
dos fillos teus ó amor non tes dereito»

Xosé Manuel Pintos, A gaita gallega, 1853[2]

En palabras de Francisco Fdez. del Riego estamos ante «un poeta sinxelo que tencionou reflexar na súa obra propósitos máis didácticos que estéticos. A súa musa presinte ás veces os tempos do porvir, e de sombra candorosa trócase en loita»[3]

Naquela altura estábase a fraguar o xurdimento da primeira xeración de escritores modernos en Galicia. O ‘Liceo de la Juventud’ de Santiago de Compostela era un centro onde algúns membros da xuventude liberal de Galicia van abrazar a causa do rexionalismo. Por alí pasaron Rosalía e Pondal, entre outros.

Outra das datas e lugares emblemáticos neste renacer da nosa cultura ten lugar o 2 de marzo de 1856 en Conxo. Nas aforas da cidade de Compostela prodúcese o famoso banquete de Conxo. O encontro nace como un acto de fraternidade entre o estudantes progresistas de Santiago e os obreiros. No transcurso do mesmo efectuouse unha homenaxe poética no que participaron Eduardo Pondal, Aureliano Aguirre e no que algúns sitúan incluso á propia Rosalía. O evento causou unha grande axitación no seu momento, sendo moi criticado polo sector máis conservador da Compostela da época.

No ano 1861 teñen lugar na cidade da Coruña os famosos ‘Xogos Florais’, promovidos polo industrial de Cedeira José Manuel López Cortón. Este foi o nome que recibiu un certame literario que pretendía potenciar a literatura en galego. Neste certame, e no que se celebraría o ano seguinte en Pontevedra, van destacar as creacións en galego, e a defensa da cultura e da historia galega a través dos seus personaxes máis sobranceiros. Froito destes eventos temos unha das primeiras publicacións modernas en galego: O album de la caridad, juegos florales de la Coruña. O álbum é unha compilación onde aparecen máis de corenta composicións feitas en galego. O ton xeral destas obras é a gabanza a terra e a lingua, dentro dun contexto romántico no que se insiste na valorización do propio e a reivindicación da esencia nacional a través da paisaxe, a lingua e a raza. Neste poemas do pre-rexurdimento hai, moitas veces, un chamamento para que Galicia acorde, como podemos descubrir neste poema A Galicia de José López de Vega, escrito unhas décadas antes do famosos versos “Esperta do teu sono, fogar de Breogán”, de Pondal.

¡Ouh Galicia, galicia terra amada,
fruto de bendición, filla do ceo!
¿por que o peitiño de dor tes cheo
e do mundo te encontras despreciada?
¿Por que vives tan triste e calumniada,
e un puñal tes clavado no teu seo,
e como humilde, enmudecido reo,
olvidas a túa gloria celebrada?
¡Alza galicia, a frente dolorida,
esperta xa de ese dormir profundo
que eres terra de amor apetecida!
Asombra ó mundo, grande, ennoblecida,
que eres fermoso reino, sin segundo,
e enche a túa fe e inmensidá do mundo!

José López de Vega,  A Galicia[4]

Outro dos poetas destacados no certame foi Francisco Añón, membro daquela xeración de provincialistas que se ergueran en 1846. O seu poema a Galicia gañou un premio en dito evento, o que amosa que os gustos estaban a cambiar e a lingua galega podía acadar certos espazos literarios. Añón viviu fora de Galicia desde a revolta, polo que é un dos primeiros poetas galegos que están a escribir desde a emigración. A distancia, a saudade, as arelas de liberdade cara a patria perdida reflíctense na súa obra.

«En ningures se encontra no mundo
un anaco de terra máis lindo...
soutos, prados e flores sorrindo
nos riachos mirándose están

¡Ai esperta, adorada Galicia,
dese sono na que estás debruzada;
do teu rico porvir alborada
polo ceo enxergándose vai»

Francisco Añón, A Galicia[5]

Despois destes antecedentes, o rexurdimento acadaría o seu momento cumio a partir da década dos sesenta do século XIX. O 17 de maio de 1863 Rosalía de Castro publica Cantares gallegos. Comezaba a época máis gloriosa da nosa literatura.


AS TRES GRANDES FIGURAS DO REXURDIMENTO

«As esencias da galeguidade máis cerne inspiran aos escritores faro da Galicia romántica e en camiño. Líricos, costumistas, satíricos, narradores, ensaian todos os temas, alquitaran a lingua, recollen a íntima facies de cada bisbarra galega. Pero en tres figuras poéticas representativas –Rosalía, Pondal, Curros- entretécense todos os anceios, crúzanse e personifícanse todas as correntes. Un pobo que alumou estes poetas podía, xa no século XIX –a pesares das apariencias- sentirse seguro do mañán»[6]

ROSALÍA DE CASTRO, FIGURA SENLLEIRA DAS NOSAS LETRAS

Rosalía de Castro é a figura que marcou para sempre a literatura galega. Con ela a literatura galega sitúase a altura das mellores linguas europeas na expresión literaria. Rosalía recolle o sentimento de amor cara a lingua, a paisaxe, os costumes e o carácter do pobo galego. Pero ademais ela é quen de superar o costumismo dos seus devanceiros e coetáneos e construír un pensamento e un sentimento universal cos seus versos.

Antes de escolmar algúns dos seus versos máis sobranceiros, botemos unha ollada á súa vida. A súa experiencia vital é fundamental para entender o espírito interior que alumea á súa obra.

«Rosalía andivo nos eidos da lírica coa ialma espida, pervagando antre as xentes, envolveita só coa súa propia luz e coa súa orixinaria dór. Nos seus versos latexa o enteiro espírito de Galicia, o seu sofrir e a súa esperanza.»[7]

Rosalía Castro naceu en Santiago de Compostela o 24 de febreiro de 1837, na rúa do camiño Novo (hoxe en día Rúa Rosalía de Castro). Foi filla de nai solteira, María Teresa de la Cruz de Castro y Abadía, muller de orixe fidalga aínda que en posición económica non moi folgada, o seu pai era un sacerdote de 39 anos que non puido, pola súa condición de home da Igrexa, lexitimar á súa filla. Sendo nena foi criada pola súa nai e tías, na vila coruñesa de Padrón, lugar ao que quedaría vencellada desde nena, e tamén en Compostela. A relación coa nai non está moi clara, mais sabemos do agarimo que  Rosalía lle tiña á súa proxenitora polos poemas que lle ten dedicado. A presión social que reciben nai e filla, polo feito de seren rosalía ilexítima, marcou  o carácter da poetisa en idade adulta.  Rosalía buscouse unha formación cultural e literaria pola súa conta, xa que a súa escolarización foi máis ben escasa: leu moita literatura e filosofía da época, coñecía a lingua francesa, practicou teatro, música e debuxo... Non sería a única muller que obtén unha formación intelectual na época, por máis que isto resultase estraño. Onde ela si vai amosar ser unha muller fora do común é cando comeza a escribir, a facer versos intimistas, nos que fala do seu interior, dos seus sentimentos, e, aínda por riba, cando escolle a lingua galega para expresarse. Neste sentido estamos ante unha pioneira.

En 1856 viaxa a Madrid e en 1858 casa co historiador arteixán Manuel Murguía. O seu marido é fundamental na súa vida por dúas razón, el fortalece ese amor por Galicia que Rosalía xa levaba de seu e que amosa en toda a súa obra; ademais Murguía vaina animar coas súas creación literarias, vaille dar un pulo definitivo á súa carreira de escritora. El será o seu máis fervente admirador. Co seu marido volta de Madrid e, ao ano seguinte será nai por vez primeira, dunha nena chamada Alejandra. Nestes anos publica as súas primeiras obras en castelán.

En 1861 publica o seu primeiro poema en galego, aquel que comeza cos míticos versos “Adeus ríos, adeus fontes, adeus regatos pequenos....” Vivía daquela en Madrid, onde Murguía traballaba de arquiveiro. En 1863 publica Cantares gallegos. Nesta década (1860-1870) troca moito de domicilio por mor do traballo de Murguía. Viviron en Santiago, Madrid e Simancas. As ausencias da súa terra e os reveses da súa vida, sobre todo coa morte dos seus fillos Adriano e Valentina, e as separacións  temporais do seu marido, marcarán a súa obra no sentido de acentuar a melancolía que se desprende dos seus versos. En 1870 publica o seu segundo grande libro de poemas: Follas novas. Na década que vai de 1870 a 1880, a familia vive na Coruña, Santiago e Padrón. Van nacendo novos fillos: Amara, os xemelgos Gala e Ovidio, Adriano e Valentina (finados moi novos ambos os dous). Rosalía prosigue coa súa carreira literaria en galego e castelán, destacando a súa obra En las orillas del Sar. Rosalía morre de cancro en 1885, na vila de Padrón, na Casa da Matanza, sé actual da Casa Museo de Rosalía. En 1891 os seus restos foron trasladados a San Domingos de Bonaval. Hoxe en día descansan no panteón de galegos ilustres.

«Era Galicia daquela un país totalmente analfabeto nos eu idioma, pero, aínda así, os versos galegos da Cantora axiña foron citados, amados, recitado se recordados. Xentes moi diversas da nosa terra, as humilde sen primeiro lugar, intuírona  grandeza e a beleza da fazaña: un poeta muller, unha muller orfa na nenez, unha muller de pouca saúde ea gobiada polas penas, asume, sen pedantería, como quen respira, a defensa e a canción do marxinado e postrado país. Algún tempo despois, a gratitude e a devoción das xentes esbozaba no comezo dun mito»[8]

Moitas veces espallouse unha imaxe manipulada de Rosalía. A súa lírica non só reflicte a imaxe dunha muller atormentada, sufridora. A súa obra non é só un exercicio de canto folclórico da súa terra e do espírito do seu pobo. É certo que atopamos en Rosalía esta faceta romántica, e chea de amargura e saudade. Mais ao carón desta visión, estamos diante dunha muller loitadora, que traballou a reo para superar a súa dobre condición de marxinada no ambiente cultural, por ser muller e por escribir en galego. A súa obra ten moito de reivindicación de país, de denuncia, incluso de carraxe contra as inxustizas. Nos seus textos hai un agromar de ideas e conceptos que co paso do tempo aparecerían no ideario feminista, do que Rosalía é unha das precursoras. A súa obra é tamén ideolóxica, non só é a creación dunha femia cunha extraordinaria sensibilidade que nos abre as portas ao seu mundo interior. Nos seus versos podemos albiscar o ideario que co tempo defenderían os diferentes movementos políticos de corte galeguista.

Cantares Gallegos é o primeiro libro de poesía que a nosa grande poetisa escribiu en galego. Nel a súa alma mestúrase coa alma do pobo galego. Rosalía mergúllase na vida e no sentir do seu amado pobo, facendo de voceira das súas mágoas e arelas, mais sempre desde unha óptica fondamente persoal e intimista

Follas Novas expresa con maior rotundidade a ferida aberta na alma de Rosalía. A infelicidade íntima da poetisa expresada na negra sombra. Acompaña a esta íntima visión o amor por unha paisaxe galega sublimada.

III

Lugar máis hermoso
non houbo na terra
que aquel que eu miraba,
que aquel que me dera.

Lugar mías hermoso
no mundo no achara
que aquel de Galicia,
Galicia encantada.

Galicia frolida,
cal ela ningunha,
de flores cuberta,
cuberta de espumas.

De espumas que o mare
con pelra sgomita;
de froles que nacen
ó pé das fontiñas

De valles tan fondos,
tan verdes, tan frescos,
que as penas se calman
non máis que con ve-los.

Que os ánxeles neles
dormidos se quedan,
xa en forma de pombas,
xa en forma de niebras.

(...)

Rosalía de Castro, Cantares gallegos

Costureiriña
comprimenteira,
sacha no campo,
malla na eira,
lava no río,
vai apañar
toxiños secos
antre o pinar.
Así a meniña
traballadora
os punteados deprende ora

(...)

Rosalía de Castro, Cantares gallegos


Campanas de Bastabales,
cando vos oio tocar,
morro-me de soidadades

Cando vos oio tocar,
campaniñas campaniñas,
sin querer torno a chorar

Cando de lonxe vos oio
penso que por min chamades,
e das entrañas me doio.

Doiome de dor ferida,
que antes tiña vida enteira
i hoxe teño media vida.

Solo media me deixaron,
os que de aló me truxeron,
os que de aló me roubaron.

Non me roubaron, traidores
ai! uns amores toliños,
ai! uns toliños amores

Que os amores xa fuxiron,
as soidades viñeron...
De pena me consumiron.

Rosalía de Castro, Cantares gallegos


Castellanos de Castilla,
tratade ben ós gallegos,
cando van, van como rosas;
cando véná vén como negros.

-Cando foi, iba sorrindo;
cando veu, viña morrendo
a luciña dos meus ollos,
o amantiño do meu peito.

Aquel máis que neve branco,
aquel de dozuras cheio,
aquel por quen en vivía
e sin quen vivir non quero.

Foi a Castilla por pan,
e saramagos lle deron;
déronlle fel por bebida,
peniñas por alimento.

Déronlle, en fin, canto amargo
ten a vida no seu seo...
¡Castellanos, castellanos,
tendes corazón de ferro!

¡Ai!, no meu corazonciño
xa non pode haber contento,
que está de dolor ferido,
que está de loito cuberto.

Morreu aquel que eu quería,
e para min n'hai consuelo:
solo hai para min, Castilla,
a mala lei que che teño.

Premita Dios, castellanos,
castellanos que aborrezo,
que antes os gallegos morran
que ir a pedirvos sustento.

Pois tan mal corazón tendes,
secos fillos do deserto,
que si amargo pan vos ganan,
dádesllo envolto en veneno.

Aló van, malpocadiños,
todos de esperanzas cheios,
e volven, ¡ai!, sin ventura,
con un caudal de desprezos.

Van probes e tornan probes,
van sans e tornan enfermos,
que anque eles son como rosas,
tratádelos como negros.

¡Castellanos de Castilla,
tendes corazón de aceiro,
alma como as penas dura,
e sin entrañas o peito!

En trós de palla sentados,
sin fundamentos, soberbos,
pensás que os nosos filliños
para servirvos naceron.

E nunca tan torpe idea,
tan criminal pensamento
coupo en máis fatuas cabezas
ni en máis fatuos sentimentos.

Que Castilla e castellanos,
todos nun montón, a eito,
non valen o que unha herbiña
destes nosos campos frescos.

Solo pezoñosas charcas
detidas no ardente suelo,
tes, Castilla, que humedezan
esos teos labios sedentos.

Que o mar deixoute olvidada
e lonxe de ti correron
as brandas auguas que traen
de prantas cen semilleiros.

Nin arbres que che den sombra,
nin sombra que preste alento...
llanura e sempre llanura,
deserto e sempre deserto...

(...)

Rosalía de Castro, Cantares gallegos


Adiós, ríos; adios, fontes;
adios, regatos pequenos;
adios, vista dos meus ollos:
non sei cando nos veremos.
Miña terra, miña terra,
terra donde me eu criei,
hortiña que quero tanto,
figueiriñas que prantei,
prados, ríos, arboredas,
pinares que move o vento,
paxariños piadores,
casiña do meu contento,
muíño dos castañares,
noites craras de luar,
campaniñas trimbadoras,
da igrexiña do lugar,
amoriñas das silveiras
que eu lle daba ó meu amor,
camiñiños antre o millo,
¡adios, para sempre adios!
¡Adios groria! ¡Adios contento!
¡Deixo a casa onde nacín,
deixo a aldea que conozo
por un mundo que non vin!
Deixo amigos por estraños,
deixo a veiga polo mar,
deixo, en fin, canto ben quero...
¡Quen pudera non deixar!...

Rosalía de Castro, Cantares gallegos


Este vai-se i aquel vai-se,
e todos, todos se van:
Galicia, sin homes quedas
que te poidan traballar.
Te,s en cambio, orfos e orfas
e campos de soledad;
e nais que non teñen fillos
e fillos que non tén pais.
E tes corazóns quesufren
longas ausencias mortás.
Viudas de vivos e mortos
que ninguén consolará

Rosalía de Castro, Follas Novas


Cando penso que te fuches,
negra sombra que me asombras,
ó pé dos meus cabezales
tornas facéndome mofa.
 
Cando maxino que es ida,
no mesmo sol te me amostras,
i eres a estrela que brila,
i eres o vento que zoa.
 
Si cantan, es ti que cantas,
si choran, es ti que choras,
i es o marmurio do río
i es a noite i es a aurora.
 
En todo estás e ti es todo,
pra min i en min mesma moras,
nin me abandonarás nunca,
sombra que sempre me asombras.

Rosalía de Castro, Follas Novas


EDUARDO PONDAL, O BARDO DE BERGANTIÑOS

Pondal foi considerado o gran bardo galego, poeta nacional que a través dos seus versos fai gabanza da terra. o de Ponteceso canta a un pasado glorioso vencellado ao mundo celta, como punto de partida para a reivindicación nacional. Ademais é un poeta en total comuñón coa terra, coa súa bisbarra bergantiñá, chan de glorioso pasado e paradigma da forza natural de Galicia. Pondal cantou á raza, unha raza galega, pura e diferenciada, de orixe nórdica e celta, e polo tanto, diferenciada da castelá.

Eduardo Pondal nace en Ponteceso, na comarca de Bergantiños, en 1835. Pertenceu a unha familia fidalga moi acomodada que fixo fortuna en América, feito que lle permitiu vivir de rendas toda a vida e dedicarse por enteiro a súa gran paixón literaria. Pondal pasa unha infancia feliz na súa terra natal e despois pasa a estudar en Compostela. No Liceo de la Juventud partilla experiencias con outros galeguistas desta primeira xeración, como Murguía, Aguirre, Faraldo e a mesma Rosalía. Participa na actividade de prensa que comeza ferver a mediados de século, sendo moi sonada o seu papel no famoso banquete de Conxo. Tamén alcanzou repercusión na súa participación nos Xogos Florais da Coruña.

En Compostela, Pondal entra en contacto coas obras universais da literatura. Nesta altura acada unha grande formación literaria. Estudou filosofía e fixo a carreira de medicina, aínda que apenas exerceu por un breve período de tempo na armada en Ferrol. Desde principios  da década dos sesenta, vai morar na súa casa natal, aínda que pasa algunhas tempadas na cidade da Coruña, lugar ao que se despraza con frecuencia para participar na vida intelectual da cidade. Forma parte dos faladoiros intelectuais entre galeguistas e liberais, xunto a Murguía, Lugrís Freire, Martinez Salazar, Tettamancy e Carré Aldao, entre outros. Era o grupo da ‘Cova Céltica’. O órgano de expresión do grupo será a Revista Gallega, na que Pondal colabora periodicamente. A idea da creación dunha academia galega da lingua xa andaba na cabeza destes intelectuais.

Nas últimas décadas da súa vida íllase na súa vila natal na procura da inspiración necesaria para rematar a súa magna obra, Os Éoas. Unha data singular neste transcorrer vital de Pondal vai ser 1891, cando compoña o seu famoso poema “Os pinos”, que foi adoptado como himno de Galicia. Pascual Veiga solicítalle unha letra para participar nun certame musical, e da colaboración entrambos os dous creadores naceu o noso himno . Pondal morreu nun hotel da cidade da Coruña en 1917. canda el, no momento do seu pasamento, estaba a maleta cos escritos da súa obra Os Éoas, que non veu a luz ata moitos anos despois. Foi enterrado no camposanto de San Amaro, onde aínda descansan os seus restos.

Pondal síntese un home especial. El é o bardo, o poeta elixido para cantar as glorias e os designios do seu pais. Un personaxe cargado de misterio, un home distante, enigmático, incomprendido e, en certa medida, soberbio e grandilocuente. Un modo de vida de home solitario, en parte bohemio, e atormentado polo tempo que lle tocou vivir, un tempo no que o seu glorioso pobo vive oprimido. Certamente Pondal quere fuxir, ter asas como os feros corvos do Xallas, e poder voar en liberdade. Desexaría ser o bardo daquela Galicia celta dos dolmens  e castros, desexaría liberarse da teimuda realidade que o rodea. De feito, a ausencia desta liberdade foi o que lle atormentou toda a súa vida.

Aínda que non publicou en vida moita obra, a súa labor creativa foi moi intensa durante todos estes anos. Nos anos cincuenta xa traballa nos primeiros versos de Os Éoas, e asina  a Campana de Anllóns, entre outras. O seu primeiro libro completo foi Rumores dos pinos, publicado en 1877, onde mestura poemas en galego e castelán. Nesta obra está a orixe da súa mítica Queixumes dos pinos (1880), coa que acada un grande éxito. Nela compila moita da súa bagaxe como escritos ata entón, incluíndo no libro moitos poemas de décadas pasadas. Neste tempo, xa convertido nun escritor monolingüe en galego, publica unha nova versión de A campana de Anllóns e a súa obra Dólmen de Dombate. Como comentamos con anterioridade, nos seus últimos anos, dedicaríase ao seu último gran libro de poemas (Os Éoas).

Unha característica fundamental da obra de Pondal é o celtismo, que adopta tanto nel como nalgúns dos seus coetáneos unha faciana etnográfica e racial. O poeta de Ponteceso vencella Galicia cun pasado celta, do mesmo xeito que o fixeron naquela altura historiadores como Vicetto ou Murguía. Neste pasado mítico atopa o elemento que nos diferencia e a característica racial autóctona dos galegos, que os separan definitivamente dos outros pobos peninsulares, principalmente dos casteláns. Hai na súa obra constantes referencias a un pasado glorioso, unha idade de ouro perdida. Os antigos galegos, aqueles celtas que poboaban os castros, son, para Pondal, paradigma dos valores máis altos que o ser humano pode acadar: nobres de espírito, desenvoltos, valentes, independentes... Nun contexto europeo no que os románticos cantan e gaban ás súas glorias nacionais, Galicia acadaba unha figura que era quen de poñer a súa terra a altura das nacións que loitaban, no século XIX, pola súa autoafirmación. El síntese o liberador, a través dos seus versos, desa patria asoballada.

Porque en Pondal o pasado mítico e glorioso non é visto só con nostalxia, senón que serve de punto de partida para a reivindicación nacional. O país visto como un territorio colonizado por Castela que cumpría ceibar. Esta arela de liberdade para os homes e para a terra está presente en todas as súas creacións poéticas. Atopamos nel este espírito reivindicativo que vai acompañar á literatura galega desde o rexurdimento case ata os nosos días. A grandeza da lingua galega é outra das grandes reivindicacións pondalianas. O poeta amosouse moi activo na iniciativa para crear unha academia que valorizase á lingua, ademais de promover o uso normal da lingua na vida cotiá e nos estamentos oficiais:

«Deus inspire a nosa nacente academia, pois moito, moito ten que faguer, para que os “castellanitos” non digan que non somos todo un pobo poético e literario denantes qu’eles o fosen»[9]

A melancolía é unha parte fundamental dos seus versos. O recurso constante o glorioso pasado, e tamén as lembranzas da súa feliz nenez na bisbarra de Bergantiños. A súa natureza rebelde e indomable casa ben coa paisaxe, a fauna e o clima da súa terra natal. A súa obra abonda elementos naturais: As bandadas aves, os pinos, o vento, os curutos, a brétema, os cabos, as tormentas, os corzos. Tamén de topónimos que el relaciona co pasado celta: Dumbría, Xallas, Mazaricos, Anllóns...

A poesía de Pondal ten unha faciana diferenciada da de Rosalía, que cómpre subliñar. Estamos ante uns escritos de carácter culto. El tiña a vontade de purificar á lingua, afastando dela todas as deturpacións da que estaba inzada (velaquí unha das razóns polas que desexaba a creación da Academia). É unha obra afastada do popular, que procura acadar para o galego a condición de lingua culta. Ao ler os versos de Pondal decatámonos da súa profunda formación literaria, que abranguía desde os clásicos grecolatinos, pasando pola mitoloxía nórdica, ata os escritores europeos máis destacados da súa época. Proponse renovar formalmente a lingua, e para elo válese dun ton solemne e aristocrático, nun estilo cargado de sonoridade.

A Galicia de Pondal ten os valores propios que el lle atribuía a masculinidade. O masculino é para Pondal a dureza, a vontade, o triunfo, a luz. O feminino é a moleza, o doce, o suave, o ocioso... Estas diferenciacións cargadas de prexuízos fan que moitas veces fose cualificado como un autor misóxino, aínda que hai que por a súa obra nun contexto onde o seu pensamento era a norma e o de Rosalía a excepción.


Miniñas da Cruña,
de amabre despexo,
de falas graciosas
e pasos lixeiros
deixá de Castela
os duros acentos:
falade miniñas
falade galego

Cando é que vos ouzo,
a patria esquecendo,
falar esas duras
palabras de ferro,
non sei o que sufro,
non sei o que peno:
falade miniñas,
falade galego.

Mais cando falades
nos patrios acentos,
envoltos no voso
anxélico alento,
parece que escuito
un canto do ceo:
falade miniñas
falade galego

Eduardo Pondal


Os fillos escuros
do chan polvoriento,
de rostro mourisco;
os fillos do vento,
os sempre envexosos
dos galegos feitos...
borraron os fastos
dos fortes galegos.

Os feitos borraran,
dos fillos egrexios,
dos fillos dos celtas
de intrépidos peitos;
de envexa movidos
borraron os feitos,
mais non borraron os fastos
dos fortes galegos.

Barreran os límites
do pobo galego,
dos fillos de Luso
os lazos rompendo,
borraron os nomes
dos pátridos eidos...

Mais non borraron a fala,
mais non borraron o xenio,
mais non borraron o espírito
dos fortes galegos.

Eduardo Pondal, Os fastos


Mais a alma do bardo,
enérxica, ousada,
que audaz liberdade
tan só soña e ama,
¡vai pensando en propósitos férreos
que ergueran a patria!

Eduardo Pondal, As almas escravas


Feros corvos do Xallas,
que vagantes andás,
en salvaxe compaña,
sin hoxe nin mañán;
¡quen puidera ser voso compañeiro
pola gándara longal!

Algo de vago e fero,
do meu ser no profundo
eu levo,como as brétomas,
dos curutos escuros,
e  unha ruda e salvaxe
incrinación dos seres vagamundos,

algo do duro vento,
que azouta o cabo Ougal;
do salvaxe miñato,que leva o vento soán
e con nobre ufanía
o esquivo mato rexistrando vai;

algo das vagas brétomas,
algo das uces altas,
algo dos libres corzos
e das feras bandadas
dos corvos vagamundos,
que se espallan de Xallas polas gandras.

Eduardo Pondal


Cabaleiros do Oceano arrogantes,
por forte fe movidos e piedade,
muito peregrinaran os vagantes,
por estenderen a lei da humanidade,
e as terras ignotas, verdexantes,
tirar da antiga e longa escuridade;
oh, canto os fervorosos peregrinaran,
antes que ás ledas praias arribaran!

Eduardo Pondal, Os Éoas.


Que din os rumorosos,
na costa verdecente,
ó raio transparente
do prácido luar..?
Que din as altas copas
de escuro arume harpado
co seu ben compasado,
monótono fungar?

Do teu verdor cinxido
e de benignos astros,
confín dis verdes castros,
e valeroso clan,
non des a esquecemento
da inxuria o rudo encono;
desperta do teu sono,
fogar de Breogán.

Os bos e xenerosos
a nosa voz entenden,
e con arroubo atenden
o noso rouco son;
mais só os ignorantes
e féridos e duros,
im béciles escuros,
non os entenden, non.

Os tempos son chegados
dos bardos das edades,
que as vosas vaguedades
cumprido fin terán;
poi onde que xigante,
a nosa voz pregoa
a redención da boa
nazón de Breogán.

Eduardo Pondal, Os pinos


MANUEL CURROS ENRIQUEZ, O POETA DA LIBERDADE

Curros veu á vida na vila ourensá de Celanova no ano 1851. O seu pai era escribinte, e o propio Curros, sendo mozo, axudoulle no seu traballo. As relacións co pai tornáronse complicadas, a xulgar polo prematuro abandono da casa paterna, aos 14 anos. Acabou a súa formación en Madrid, onde fai o bacharelato e os primeiros cursos de dereito. Abandona os estudios para dedicarse ao xornalismo, profesión que exercerá ao longo da súa vida. En Madrid, sacudido pola saudade, comeza a escribir versos en galego, como nos explica Del Riego:

“Emprincipiou a escribir versos en galego cedendo ao imperativo saudoso aló nunha grisalla serán madrileña”[10]

Curros móvese en Madrid nos círculos literarios. Na capital traballou en diferentes xornais como La gaceta de Madrid, El Imparcial e El Porvenir. Desde novo involucrouse na política defendendo as ideas liberais e progresistas e denunciando os abusos dos máis poderosos. Foi notorio o seu anticlericalismo e a súa defensa da república. hai que lembrar que traballou de reporteiro de guerra en Euskadi durante a terceira guerra carlista. O súa ideoloxía foi evolucionando cara ao rexionalismo, cuxas ideas abrazará ao final da súa vida.

En 1869 escribe a súa primeira obra en galego, un poema titulado Cantiga. En 1878 regresa Galicia, instálase en Ourense onde traballa como funcionario de facenda. Tamén exercerá de xornalista. En 1880 publica Aires da miña terra, obra que lle supón unha pena de cárcere polas críticas á Igrexa que contén, aínda que despois sería absolto na Audiencia da Coruña. En 1883 regresa a Madrid, contratado polo xornal el Porvenir. En 1888 publica O divino sainete, outra das súas creacións sobranceiras. Alí colabora na creación do centro galego, onde foi coroado poeticamente, nun acto simbólico. No ano 1894 emigra a Cuba. Na Habana funda La tierra gallega. En terras americanas será un recoñecido xornalista, e ademais promoverá toda unha serie de iniciativas na defensa de Galicia, a máis importante será a Asociación Iniciadora e Protectora da Academia Galega, da que e´presidente. En 1904, doente, fai unha viaxe á Galicia. Na Coruña é recibido cun extraordinario agarimo, sendo xa un personaxe moi querido polos galegos naquela altura. Volveu a Cuba ese mesmo ano, lugar onde morre en 1908. Os seus restos foron levados a Coruña, e recibidos por unha grandísima multitude de coruñeses que quixeron homenaxear e despedirse de Curros. Nos xardíns de Méndez Núñez é lembrado cunha estatua erguida polo escultor Asorey, promovida pola Real Academia que el axudou a fundar. Aí está o de Celanova en granito, tocado cunha arpa, inmortalizado como o gran poeta que foi.

A obra de Curros non se pode entender sen ter en conta o seu compromiso cívico e social. A denuncia dos abusos dos poderosos e a defensa dos máis desfavorecidos están presentes tanto na súa faciana de xornalista como nos seus versos. Así, a literatura convértese nunha poderosa arma coa que loitar contra os privilexios: na súa obra fala sobre o secular problema dos foros, sobre os impostos que asoballan aos labregos, sobre o servizo militar.  Tamén fala da emigración.

O seu anticlericalismo queda patente no Divino Sainete. A obra está inspirada na Divina Comedia de Dante. Desta volta a viaxe é a Roma, e os protagonistas son o propio Curros acompañado do poeta Añón. Os sete vagóns do tren representan cada un dos sete pecados capitais. Neses vagóns aparecen algúns dos seus inimigos.

Outra das características da súa obra é defensa da lingua, teima que comparte cos outros escritores do rexurdimento. Curros reclama o uso normalizado do galego, sacándoo do ámbito familiar no que estaba confinado. O galego non era un dialecto, polo tanto, debía ser empregado en todos os ámbitos:

«Aínda hai quen pensa que a lingua galega non pasa de ser un idioma agrario, útil só ao destripador de terróns. De aí que o mellor poeta galego sexa para os que así pensan o que con máis propiedade fai o inventario dos apeiros de labranza...»[11]

Con menos frecuencia, Curros fai poemas de tipo costumista, gabanza dun pais do que vive afastado. Tamén ten unha liña máis íntima, cando dedica versos á súa nai ou ao seu fillo morto, por exemplo, se ben ese tipo de creación son moito máis escasas.

Curros vai denunciar na súa obra o mesmo que viñan denunciando os agraristas: foros, taxas, emigración, atraso. O de Celanova cantou ao progreso, á modernidade, aos avances científicos.O progreso era o xeito de mellorar a condición das clases oprimidas.

No tocante á súa forma de escribir, Curros usa un galego rico no aspecto léxico, mais tamén enxebre, de base popular. Notamos nas súas creacións un influxo moi importante da poesía popular e da lingua da zona de Celanova, de onde el era orixinario.



Doce malenconía, miña Musa,
do meu esprito noiva feiticeira
¡déixame que hoxe no teu colo dorma
sono de pedra!

Nunca, reiciña, nunca com’ agora
falla fixéronme os teus bicos mornos:
choveu por min chuvia de sangue e traio
frío nos ósos.

Quéntame ti, que tiritando veño,
ti, que do peito curas as feridas,
¡amiga xenerosa dos que sofren,
malenconía!

Tope miña alma, á sombra dos ciprestes
que os tristes ermos das túas illas cobren,
o esquecemento que en ningures hacho
prós meus doores.

Fai que ó rumor dos teus regueiros, brando,
se adormezan meus tristes pensamentos.
¡Son un orfo!... Agarímame ó teu colo...
Xa outro non teño.

¡Xa autro non teño en que pousa-la frente,
polas agurras do pesar sulcada;
xa outro non teño que a amargura enxugue
das miñas bágoas!

Nai, ¡adorada nai! mártir escura,
branca pombiña arruladora e tenra,
¡ai! Si souperas cómo me deixabas
non te morreras.

Dende que te perdín, a terra, o ceo,
todo é pra min da mesma cor da morte.
O sol non me alumea, nin os campos
para min tén frores.

Cal sobre os condenados a pauliña,
caíu sobre miña alma eterno loito;
todo me amarga, hastra o aire que respiro;
dáname todo.

Do corazón fuxiume esa alegría
que é nas frores aroma e vos nos paxaros,
i andan por dentro do meu peito os corvos
arrevoando.

¡Como recordo aquelas noites craras
en que ó fulgor da prateada lúa
me arrulaba o sono, dos teus cantos
coa doce música!

¡Como recordo aquelas tardes tristes
en que os tronos sintindo, rezabamos
por que Dios leve ós probes mariñeiros
a porto a salvo:

Polos necesitados camiñantes
polos vellos sin pan e sin abrigo,
polos nenos sin pai..., abandonados...
com’ os teus fillos!

¡Ai! Eu tamén rezar quixera agora
por ti, de tanto amor en xusto pago;
mais dende que te fuches, miña rula,
¡teño un cansancio!...

Malenconía, Musa dos doentes,
do meu esprito noiva feiticeira
¡déixame que hoxe no teu colo dorma
sono de pedra!.

Curros Enriquez, na morte da miña nai. Aires da miña terra

Velaí ven, velaí ven avantando
comaros e corgas, e vales, e cerros.
¡Vinde vela, mociños e mozas!
¡Saludaina, rapaces e vellos!

Por onde ela pasa
fecunda os terreos,
espértanse os homes,
frolecen os eidos.

Velaí ven, velaí ven tan oupada,
tan milagrosiña, con paso tan meigo,
que parece unha Nosa Señora,
unha Nosa Señora de ferro.

Tras dela non veñen
abades nin cregos;
mais vén a fartura
¡i a luz i o progreso!

II

Catedral, demagogo de pedra,
dun pobo fanático erguida no medio,
repinica esas chocas campanas
en sinal de alegría e contento.

Asocia esas voces
ó son dos pandeiros,
¡ás santas surrisas
de terras e ceos!

E ti, río dos grandes destinos,
que os himnos ensaias dos trunfos ibéricos,
requeimáda-las fauces de sede
vén o monstro a beber no teu seo.

Bon samaritano,
dálle auga ó sedento;
que a máquena é o Cristo
dos tempos modernos

Curros Enriquez, Na chegada a Ourense da primeira locomotora.



Sinto no peito us afogos
que parece que mo morden
sete ducias de cans dogos.

Disque son remordementos
dos meus pecados a miles,
das miñas culpas a centos.

Culpas de home mal cristiano,
pecados de herexe, tales
que non lles val zuruxano.

Pra me curar bebín ágoas,
pisei herbas, recei tríos,
biquei Santos, vertín bágoas.

Non hai festa ou romaría
onde empanado non fose.
¡Nunca topei milloría!

Pra me librar deste estrago
fun ver o Cristo de Ourense
tomei a manta en Santiago.

Quedei de noite ó recío,
coséronme os Evanxelios,
solagáronme no río...

¡Prós males de que eu me doio,
dicen os que ben o saben
que hai un curandeiro soio!

O curandeiro está en Roma.
Vou ver se me dá a saúde...
Vou ver se o pulso me toma.
...............................................

Añón pegoume co codo
como quen di: “¡Non te escurras!”
e León falou deste modo:

-¡Ah! ¡Como ó teu beizo asoma
o afán do mundo! Ti pides
que o Papa abandone Roma...

¡E ben! Agradarche quero;
deixarei Roma ós romanos,
quedareime en coiros... pero

Cando dos bens me despoxe
que a tradición me legara,
e que gardei hastra o de hoxe,

¿Terá a Igrexa quen lle acuda?
-¡Vinte sigros predicando
caridade pra esa duda!

¡Señor! O mundo moderno
non é, como o mundo antigo,
a imaxen viva do inferno.

Os pobos están chamados
a rexilo: cando trunfen,
cando do chau levantados

O himno canten da vitoria,
volveranse a Dios i os ceos
resprandecerán de groria.

I entón, Señor, non temades
polaIgrexa que ela é barca
que flota nas tempestades.

Estas democracias novas
son feitas de amor e gastan
a piedade por arrobas.

¡Amádeas! ¡Que ollen e vexan
que Cristo está da súa parte
mentres loitan e pelexan!

Quédese a rabia prós lobos:
¡Cristo era bon, era homilde!
i a homildá cautiva ós pobos.

Tal falei, Añón estaba
páledo; volvín a testa
e vin que o Papa... choraba.

-¿Que ten, señor? -¡Esto é feito!
repricoume- e naquel punto,
erguendo o busto escorreito,

Marmurou: -Ide e anunciade
que o Papa renuncia a Roma
pra vivir da caridade.

Dende hoxe a miña facenda,
todo o que eu teño é dos probes;
que as naciós poñan en venda

Canto for meu; desto en pago
non quero máis, se ma dades,
que unha coviña en Santiago.

Sentinme entón conmovido
tamén: o Papa marchouse,
i eu, de Añón sempre collido,

Botei fóra do palacio
e respirei fortemente
o vento libre do espacio.

 Aquela noite saímos
de Roma eu i o vate; a penas
os dous no vagón nos vimos

De volta pró chau paterno,
díxenlle: -Mestre, ¿que pensas?
-Que é un gran viño o de Falerno...

-¿Dudas dos votos formales
do Papa? -¡Nunca se compren
os programas liberales!

Logo de chegar a España
Añón tornouse ó comando
da súa Santa Compaña,

I eu, do que vin de parvo e mudo,
dende  entón creo... ou non creo...
pero dudar ¡xa non dudo!

Curros Enriquez, O Divino Sainete (fragmento)

 I

Do mar pola orela
mireina pasar,
na frente unha estrela,
no bico un cantar.
E vina tan sola
na noite sen fin,
que inda recei pola probe da tola
eu, ¡que non teño quen rece por min!

II

A Musa dos pobos
que vin pasar eu,
comesta dos lobos,
comesta morreu...
Os ósos son dela
que vades gardar.
¡Ai, dos que levan na frente unha estrela!
¡Ai, dos que levan no bico un cantar!

Curros Enriquez, A Rosalía (1891)

 OUTRAS EXPRESIÓNS CULTURAIS DO REXURDIMENTO

A poesía galega acadou un rexistro tan importante nesta altura, que durante décadas a lingua acadou sona de ser unha lingua que só a través dos versos se podía expresar dunha forma culta. A pesar de non ter alcanzado o cumio literario, o galego tamén foi utilizado na segunda metade en outros xéneros literarios, como o xornalismo, a ficción en prosa, o teatro e o ensaio. Imos coñecer algúns dos exemplos máis destacados deste florecemento no uso da lingua.

Unha das principais actividades desenvolvidas no Rexurdimento foi a elaboración dunha historia de Galicia. Ata a segunda metade do século XIX non existían libros  que narrasen a historia da nosa terra desde unha perspectiva propia. Galicia ficaba, ata este momento, como un apéndice da Historia de España. A súa personalidade histórica fora negada.

Manuel Murguía foi o gran historiador galego do momento. É un personaxe central na cultura galega do XIX. Foi el o que intentou sistematizar unha Historia de Galicia que lle devolvese ao país o seu pasado. Neste contexto nace a súa magna obra Historia de Galicia, que non chegaría a rematar. Murguía traballa con votade científica, escribindo unha historia nacional na que abondan as referencias aos documentos, porén, non se desprende do celtismo como referente explicativo dunha orixe diferenciada do noso pobo, como acontecía con moitos dos intelectuais galeguistas daquela época.

Murguía foi ademais o gran catalizador de todas as iniciativas do rexurdimento, desde a poesía da súa muller ata os faladoiros da Cova Céltica, ou a través da prensa. A súa albor foi fundamental para o nacemento e consolidación da Real Academia Galega. En 1891 fixo un dos primeiros discursos públicos en galego. Foi co gallo dos Xogos florais de Tui, nos que defendeu a validez da nosa lingua en todos os ámbitos da vida:

«O noso idioma! o que falaron nosos pais e vamos esquencendo, o que falan os aldeáns e nos achamos a ponto de non entendelo; aquel en que cantaron reis e trobadores; o que, fillo maor da pátrea gallega, nola conservou e conserva coma un don da providencia; o que aínda ten non nosos labres as dozuras eternas e acentos que van ó corazón; o que agora oídes como se fose un himno relixioso; o hermoso, o nobre idioma que do outro lado dese río é léngoa oficial que serve a máis de vinte millóns de homes e ten unha literatura representada polos nomes gloriosos de Camoens e Vieira, de Garret e de Herculano; o gallego, en fin, que é o que nos dá direito a enteira posesión da terra en que fomos nados, que nos di que, pois somos un pobo distinto, debemos selo; que nos promete o porvir que procuramos, e nos dá a certeza de ha de ser fecundo en bens pranós todos»

Manuel Murguía, Discurso nos Xogos Florais de Tui (1891)

A prensa xogou un papel fundamental no espallamento das ideas rexionalistas e do Rexurdimento. Ao longo da segunda metade do XIX agromará unha puxante actividade xornalística en chave rexionalista. A prensa recolle as arelas destes primeiros galeguistas, as súas reivindicacións e tamén as súas denuncias. Ademais estas publicacións van servir para normalizar o uso do galego, para difundilo. O xornal máis destacado da etapa do rexurdimento foi O Tío Marcos da Portela. Foi fundado en Ourense por Valentín Lamas Carvajal e tirouse durante máis dunha década, acadando un notable éxito para o que eran habitual na época. Outras cabeceiras de interese foron O vello do Pico-sacro, a Monteira ou o Galiciano.

Máis aló do que aportaban estas publicacións periódicas, todo este caudal de creatividade que supuxo o rexurdimento precisaba dunha labor editorial que sacar á luz todos eses títulos que ían xurdindo no noso territorio. Neste contexto foi fundamental a iniciativa de Martínez Salazar e Fernández Latorre, que fundan no ano 1885 o selo editorial Biblioteca Gallega, encargada de publicar unha morea de obras galegas e algunhas en galego. A serie inaugúraa Murguía co título Los Precursores, no que fala dos devanceiros que combateron contra o centralismo a mediados de século.Despois sería a quenda de Curros, Pondal e outros fundamentais das nosas letras.

Dentro do eido da prosa , o personaxe máis destacado do Rexurdimento foi Valentín Lamas Carvajal. Ademais da súa labor xornalística, deixounos un bo feixe de poesías e de obras en prosa, nas que destaca o seu Catecismo do labrego. Tamén destacan Antonio de la Iglesia (El idioma gallego) e Marcial Valladares (Majina ou a filla espúrea).

Nesta altura prodúcese teatro en galego, sendo a figura máis destacada Galo Salinas, coa súa obra Filla, feita en 1892 e que chegou a ser representada cun éxito de publico notorio no Teatro Principal da Coruña en 1903.

Tamén na música houbo unha importante labor de escolma e de recuperación dos sons tradicionais de Galicia. Marcial del Adalid, Pascual Veiga, Canuto Verea e Francisco Mª de la Iglesia, entre outros, fixeron unha intensa labor de recuperación e de posta en valor das cancións e da música popular que se escoitaban nas vilas e aldeas galegas desde tempos inmemoriais.

Unha das labores fundamentais nestes tempos foi a recuperación dos símbolos. O vello escudo medieval do reino de Galicia é recuperado. Tamén o himno de Pondal e Veiga comeza a soar a principios do século XX. Por último, a bandeira galega tamén vai comezar a lucir con orgullo a partir destas datas. A emigración na Habana xogará un papel fundamental nesta recuperación dos símbolo, alí soará por primeira vez o himno galego, de alí xurdirá a iniciativa para fundar a Academia e alí ondeará a primeira bandeira galega, erguida por aqueles galegos que a viron pendurada no porto da Coruña, cando o seu buque partiu a América.

Por último, a plástica non ía ficar a marxe de todo este importante movemento do rexurdimento. As imaxes de artistas como Isidoro Brocos ou Dionisio Fierros van ofrecer aos ollos dos coetáneos unha visión física dos tipos, costumes e tradicións propios de Galicia.




[1] ANXO TARRÍO VARELA: Literatura Galega. Aportacións áunha historia crítica. Xerais, Vigo 1994 (120)
[2] VVAA: Literatura Galega. Séculos escuros e Rexurdimento. Materiais.Vía lactea, A Coruña, 1988 (16)
[3] FRANCISCO FERNÁNDEZ DEL RIEGO: Historia da literatura galega. Galaxia. Vigo, 1981 (Primeira edición de 1951). (81)
[4] ANXO GÓMEZ, MERCEDES QUEIXAS: Historia xeral da literatura galega. A nosa terra, Vigo, 2001 (108)
[5] ANXO GÓMEZ, MERCEDES QUEIXAS: Historia xeral da literatura galega. A nosa terra, Vigo, 2001 (104)
[6] FRANCISCO FERNÁNDEZ DEL RIEGO: Historia da literatura galega. Galaxia. Vigo, 1981 (Primeira edición de 1951). (77)
[7] FRANCISCO FERNÁNDEZ DEL RIEGO: Historia da literatura galega. Galaxia. Vigo, 1981 (Primeira edición de 1951). (96)
[8] XESÚS ALONSO MONTERO: http://www.rosaliadecastro.org/
[9] ANXO GÓMEZ, MERCEDES QUEIXAS: Historia xeral da literatura galega. A nosa terra, Vigo, 2001 (155)
[10] FRANCISCO FERNÁNDEZ DEL RIEGO: Historia da literatura galega. Galaxia. Vigo, 1981 (Primeira edición de 1951). (106)
[11] ANXO GÓMEZ, MERCEDES QUEIXAS: Historia xeral da literatura galega. A nosa terra, Vigo, 2001 (139)

No hay comentarios:

Publicar un comentario

deixa aqui o teu comentario.